Docencia FPE: ensinar programación a adultos
Ensinar programación a persoas adultas é distinto a ensinala nunha aula tradicional. O alumnado chega con motivacións moi concretas: cambiar de traballo, mellorar no actual ou, simplemente, entender a tecnoloxía que xa usa a diario.
O que mellor funciona, na miña experiencia:
- Partir de casos reais: nada motiva máis que ver para que serve o que se aprende.
- Dosificar a teoría: a xusta para poder facer, e volver a ela cando xorde a dúbida.
- Errar sen medo: en programación o erro é parte do método, non un fracaso.
- Practicar cada día: sesións curtas e frecuentes funcionan mellor que atracones.
A docencia tamén me fixo mellor programador: explicar algo obriga a entendelo de verdade.
O «papel» que me habilita
Cómpre explicar unha cousa. Aínda que son Especialista en Formación Ocupacional desde o ano 2001, os cambios lexislativos obrigáronme a formarme outra vez na materia: non aprendín nada novo, pero obtiven a «Habilitación para a docencia en formación profesional (SSCE0110)», entre Adams, a maior parte, e a Escola de Finanzas (o módulo que me quedaba), ademais da «Acreditación docente para teleformación (60 h)», en COCETA. Todo iso dentro do marco do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
Polo camiño, cheo de percances, contratempos e burocracia… non todo foi malo, xa que tiven a oportunidade de coñecer (e a honra de ter como titor) a Mario López Guerrero, un excelente profesional e mellor persoa.